Thursday 09 de May de 2024

O alcalde asina coa ACB o convenio de colaboración para que A Coruña sexa a sede da Copa do Rei de baloncesto de 2016


Negreira destaca que a competición consolida a cidade como referente deportivo do noroeste español, pois se retransmite máis de 100 países, e supón un retorno económico de 20 millóns de euros

O alcalde coruñés, Carlos Negreira, asinou esta mañá coa Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) o convenio de colaboración para que A Coruña acolla en febreiro do próximo ano a 80ª edición da Copa do Rei, un evento que permite dar “visibilidade” á cidade, consolidarse como referente deportivo no noroeste español e incidir sobre o sector servizos cun retorno económico previsto de 20 millóns de euros.
“A Coruña será o faro para a provincia e para Galicia dun dos eventos deportivos máis importantes a nivel nacional, con máis de 100 países retransmitindo a Copa do Rei de baloncesto, con 10 millóns de espectadores e con máis de 500 xornalistas acreditados. Esta competición garante dar a visibilidade que queremos da cidade e liderar o noroeste español en materia de eventos deportivos”, destacou o alcalde, quen recordou que, xunto á Copa do Rei de baloncesto, A Coruña contará en 2016 con outro evento de referencia a nivel deportivo: a Tall Ships Race, a regata de grandes veleiros da que A Coruña será o próximo ano o porto final.
Negreira subliñou a repercusión que ten para A Coruña que a Copa do Rei volve 23 anos despois, con retorno económico de 20 millóns de euros, o que incide de xeito moi positivo no sector servizos. A cidade acolleu a fase final do torneo en dúas ocasións anteriores (1989 e 1993). Nesta nova edición en 2016, a competición disputarase entre os días 18 e 21 de febreiro no Coliseum, un torneo no que participarán os mellores equipos da primeira volta da Liga da próxima tempada (2015-2016).
O alcalde agradeceu a confianza outorgada pola ACB e administracións públicas como a Deputación da Coruña e a Xuntade Galicia para apostar decididamente pola Coruña como sede da fase final da Copa do Rei. Neste sentido, recordou que, durante este mandato, a cidade xa albergou tres partidos da selección española de baloncesto
-disputados contra rivais de primeiro nivel, como Arxentina, Alemaña e Canadá- e foi designada Cidade Asociada ao Mundobasket 2014.
O secretario xeral para ou Deporte da Xunta, José Ramón Lete, e os presidentes da Deputación da Coruña, a ACB e do Río Natura Monbus Obradoiro, Diego Calvo, Francisco Roca e Raúl López, respectivamente, coincidiron en destacar a transcendencia social, deportiva e económica que ten para A Coruña acoller un evento como a Copa do Rei de baloncesto.
“Dende a Deputación estamos encantados de poder colaborar para que este evento se celebre na nosa provincia”, sinalou Diego Calvo, que indicou que a institución provincial sempre está co deporte en todos os seus ámbitos, dende as categorías base a grandes eventos como a fase final da Copa do Rei de baloncesto que transcenden moito máis do deportivo.
“Trátase dun evento social e turístico, unha forma máis de promover a nosa provincia e que terá un importante retorno económico”, indicou o presidente da Deputación, quen aproveitou ademais a ocasión para animar a todos os veciños da Coruña, de Galicia e do resto de España a acudir como público para, ademais, coñecer o resto de atractivos da provincia coruñesa.